O 11 de febreiro conmemoráronse dúas datas importantes: o Día Europeo do 112 e o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Con tal motivo, a Axencia Galega de Emerxencias -AXEGA-, a través do 112 Galicia, realizou en Tecnópole unha serie de actividades para o alumnado da Aula Newton. O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; e o xerente de Axega, Marcos Araújo, acudiron ao Parque e acompañaron á rapazada nesta experiencia, ao tempo que responderon ás súas inquedanzas sobre o 112 e o día a día da Axencia.
A Aula Newton Galicia é un espazo de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas instalado no Parque e destinado a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Nestas primeiras edicións céntrase en introducir á rapazada desde 2º da ESO a 1º de Bacharelato no mundo da aviación. Está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.
Pola súa parte, o 112 Galicia busca dar a coñecer este servizo ás novas xeracións de xeito ameno e cercano, a través da formación no eido da prevención e a autoprotección. A finalidade é que os máis novos teñan constancia de que existe este número de teléfono gratuíto, dispoñible as 24 horas do día e os 365 días do ano en todo o territorio da Unión Europea, e capaz de xestionar todo tipo de situacións de emerxencia (bombeiros, sanitarios, policía…). Así, durante a xornada os rapaces e rapazas participantes na Aula Newton tiveron a oportunidade de saber como funciona este servizo e aprenderon a empregalo correctamente e de maneira responsable, achegándose ademais a través dun vídeo ás instalacións públicas de Galicia onde se atenden este tipo de chamadas. Explicóuselles como actuar ante unha situación de perigo real, ao tempo que recibiron diverso material de protección.
Nas instalacións exteriores do Parque Tecnolóxico de Galicia emprazouse o posto de mando itinerante do equipo de drons da Axega. O alumnado puido deste xeito experimentar e coñecer mellor como se usan os drons na procura de persoas desaparecidas ou no recoñecemento de espazos ou edificacións danadas, a través das súas cámaras térmicas.
Colaboración co 112
Tecnópole mantén unha colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia, no marco das actividades que se desenvolven na Aula Newton. Os participantes nesta experiencia deben responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, situado na Estrada. E os profesionais do 112 que dan as instrucións nesta actividade participaron tamén en Tecnópole nesta xornada para concienciar aos máis novos sobre o bo uso deste recurso.
Fonte: Tecnópole