A Aula Newton Galicia xa desenvolveu un curso completo con grande éxito entre alumnado de 3º e 4º da ESO de toda a comunidade. Impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole, arrincaba a finais de outubro de 2021 coa experiencia “Voamos con números: unha aventura aérea”, iniciando ao alumnado no mundo da aviación a través dos coñecementos matemáticos. A unidade didáctica orixinal está localizada na rexión de Bodo, en Noruega, e a actividade é introducida mediante un vídeo no que os participantes deben responder a unha misión de rescate proposta polo Centro de Coordinación e Rescate da devandita rexión.
No ánimo de aproximar estes contidos ao alumnado de Galicia, Tecnópole propúxose levar a cabo o cambio de localización da unidade didáctica orixinal cara a un emprazamento dentro da comunidade galega. Deste xeito, tanto as rutas de voo como os obxectivos da misión pasarán a localizarse no sur de Galicia. “Pretendemos un maior grao de conexión do alumnado cos obxectivos da proposta ao recoñecer elementos e zonas xeográficas que lle son moito máis familiares” -salienta o equipo de docentes da Aula-.
Así mesmo, froito da colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia, vaise mudar o vídeo de “chamada á acción” por outro realizado no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) da Estrada. No vídeo participaron técnicos de Explotación Operativa do 112 Galicia e do Grupo de Apoio Loxístico de Axega.
Os máis novos coñecerán como se xestiona unha emerxencia en Galicia
Mediante esta iniciativa, cuxo obxectivo é facilitar a comprensión e o desenvolvemento dos exercicios aos que o alumnado debe facer fronte dentro das actividades da Aula Newton, dáse a coñecer o funcionamento do sistema galego de recepción e tratamento das chamadas de emerxencia efectuadas a través do número único europeo 1-1-2. Así, para ambientar e crear un escenario suficientemente verosímil, a Axencia Galega de Emerxencias puxo a disposición dos docentes da Aula Newton as instalacións e medios humanos do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia situado na Estrada para gravar unha peza audiovisual, na que se poden apreciar as formas de xestionar unha grave e real emerxencia na nosa comunidade. Deste xeito, o coñecemento científico e a prevención e xestión dos riscos naturais danse a man nun espazo para a formación e o progreso das novas xeracións.
O xerente da AXEGA agarda que esta sexa una colaboración constante e imperecedoira, debido á importancia de achegar a cultura da seguridade e da auto protección aos máis novos.
Desde o Parque Tecnolóxico de Galicia indican que en First Scandinavia, principais impulsores das Aulas Newton en Europa, están interesados en poñer a disposición das súas aulas internacionais esta nova misión proposta desde Galicia.
Fonte: Tecnópole