A falta de semicondutores é un problema a escala global que afecta a todos os fabricantes e que está a deixar un regueiro de plantas paralizadas. As previsións máis optimistas sinalaban este segundo semestre e, principalmente, finais de ano como un posible punto de inflexión para que o abastecemento desta compoñente clave retomase a normalidade. Con todo, a automoción seguirá a sufrir as consecuencias da escaseza de microchips polo menos até o segundo trimestre de 2022, tal e como apunta a consultora especializada IHS Markit, que cifra entre 6,3 e 7,1 millóns de vehículos que se deixarán de fabricar en todo o mundo este ano, estimación na que non figura o recorte de produción dun 40% anunciado por Toyota para setembro.
O último informe da consultora, de referencia para o sector (incluído o clúster Ceaga), recolle que a pesar de que quedaron atrás os problemas de incendios ou temporais que afectaron a fábricas en Xapón e EE UU, “a capacidade das fábricas segue a ser escasa”. Os microchips que usan os vehículos son os mesmos que empregan outros aparellos electrónicos como tablets, computadores ou videoconsolas, produtos dunha alta demanda especialmente pola pandemia e os confinamentos.
A COVID é precisamente a que está a provocar os fallos de subministración actuais. O coronavirus segue a afectar a moitos países asiáticos e interrompe a produción das súas fábricas, como é o de caso de Malaisia, onde se atopa un provedor de Stellantis Vigo. De feito, IHS Markit sinala a este país como un dos máis afectado por ser “onde se realizan moitas operacións de embalaxe e proba de chips”. “Varios destes países viron aumentar a súa media de infeccións e a ameaza constante de que ao COVID-19 afecte os traballadores doutros países é real”, comentan os analistas encargados do informe.
Ante os avisos de fabricantes como Intel ou Infineon de que a situación pode persistir durante todo o ano 2022, desde a consultora apuntan polo menos ao segundo trimestre do vindeiro ano, para o que esperan unha “estabilización da oferta”. Con este panorama, as perdas de produción calculadas son de 1,44 millóns de unidades no primeiro trimestre, 2,6 millóns no segundo e da orde de 1,8 a 2,1 millóns de unidades para este trimestre, que segundo Fulthorpe “seguirá a rexistrar interrupcións, cada vez máis importantes”. En total serán até 7,1 millóns de coches.
Fonte: Faro de Vigo