Os cortes na produción da industria do automóbil, vencellados á falta de materiais semicondutores, seguirá afectando o sector no que queda de ano. A crise dos microchips terá un custo para a automoción a nivel mundial de 210.000 millóns de dólares (uns 179.150 millóns de euros) en vendas en 2021, segundo unha recente estimación da consultora AlixPartners. Unha cifra que case duplica os 110.000 millóns de dólares (uns 93.840 millóns de euros) estimados o pasado maio. Así, a firma prognostica que deixarán de fabricarse 7,7 millóns de unidades de vehículos no presente exercicio, lonxe dos 3,9 millóns contemplados no seu informe inicial.
Tamén a Asociación Española de Provedores da Automoción (Sernauto) alerta na mesma dirección. A caída de produción de vehículos derivada da falta de semicondutores e compoñentes electrónicos afecta a nove de cada dez empresas, aseguran. A organización prognostica, en base a unha enquisa, que sete de cada dez compañías do sector afrontarán unha caída de ingresos de até o 20%, mentres que un 9% superará a barreira do 30%.
Ao problema dos semicondutores, que afecta aínda a catro de cada dez provedores, súmase o encarecemento das materias primas, o incremento dos custos enerxéticos e loxísticos. De feito, case o 80% das empresas afirma sufrir problemas de loxística e case o 90% delas asegura non apreciar melloría respecto dos últimos meses. Neste marco, Sernauto revisa as súas previsións para o sector en 2021 e apunta que a facturación medrará un 6% respecto ao pasado exercicio, aínda que sí esperan que se poidan manter as cifras de emprego.
“A dos chips é tan só unha das múltiples e extraordinarias alteracións ás que se enfronta a industria, incluíndo desde a escaseza de resina e aceiro até a falta de man de obra. Non hai marxe de erro para os fabricantes e provedores do sector do automóbil nestes intres”, subliña o codirector global de automoción de AlixPartners, Mark Wakefield.
Fonte: Faro de Vigo