A automoción galega robotiza aos seus traballadores con traxes de 3.000 euros

Un traballador de PSA Vigo disponse a enfundar as súas extremidades nunha armadura robotizada antes de incorporarse á liña de ensamblaxe de coches. Nestas instalacións levan catro anos realizando probas con exoesqueletos para reducir lesións laborais e accidentes.

A automoción é un dos sectores que rexistran maior absentismo laboral debido a doenzas musculares. As lesións desencadeadas por traballos repetitivos na liña de montaxe son a principal causa dun índice de baixas que na planta do grupo PSA en Vigo supera o 5 % de media (entre 250 e 300).

Un «vestido» para cada posto

Un sector que abandeira a innovación tecnolóxica como é o do automóbil tiña que dar resposta a este problema, e atopouna nos exoesqueletos, unhas estruturas robotizadas que se adhiren ao corpo do traballador ou traballadora para facilitar a actividade, e que teñen o seu punto de referencia no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). O responsable do departamento de procesos e fábrica de futuro de CTAG, Víctor Alonso, detallou os tipos de exoesqueletos que están a desenvolver: unha luva activa, que suplementa o peche da man útil, por exemplo, no traballo de atornillado, ao alixeiralo e reducir esforzo. Outro modelo corrixe o esforzo das costas ao levantar pesos; e un terceiro alixeira o esforzo ao traballar en altura. «Cada un está orientado a cada tarefa específica», explicou o experto. «No medio longo prazo, as empresas acabarán incorporando e implementando estes sistemas aos diferentes postos de traballo para mellorar a ergonomía dos seus empregados», asegurou.

Todo son vantaxes. O único inconveniente é o seu custo, que por agora rolda os 3.000 euros por unidade, pero é gasto facilmente amortizable. A aposta da industria por esta tecnoloxía está xustificada en termos de seguridade laboral e de produtividade.

Máis dun millón de accidentes

En 2019 producíronse máis dun millón de accidentes de traballo en España, dos cales 650.000 derivaron nunha baixa do empregado, segundo datos do Ministerio de Traballo e Economía Social. As estatísticas sinalan que as principais causas destes accidentes (case o 50%) son sobreesforzos musculoesqueléticos, escordaduras ou dislocacións.

Segundo os técnicos, o primeiro que se lle pide a calquera dispositivo deste tipo é que supoña unha axuda para o usuario sen xerar efectos contrarios para o seu confort ou a súa saúde. «Cun exoesqueleto posto, o traballador ten menos posibilidades de lesionarse ou de ter riscos ergonómicos. A idea é que o operario realice as mesmas actividades e movementos que facía antes e sexa o exoesqueleto quen se adapte ao método de traballo que xa existe», explican desde o CTAG.

Fonte: La Voz de Galicia