A automoción galega proba o primeiro vehículo conectado con tecnoloxía 5G

Conseguir o coche conectado con todo. Ese é o obxectivo do proxecto europeo 5GCAR, impulsado polo Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG). O seu circuíto de ensaios (con sede no Porriño) deu hai uns días o disparo de saída ás primeiras probas dun prototipo que incorpora tecnoloxía 5G para establecer contacto co contorno.

Segundo o sector, supón un importante avance en seguridade e fiabilidade para o futuro da condución autónoma. “Permite servizos de conectividade de alta robustez e de baixa latencia para aplicacións de seguridade e dará solucións de posicionamento de alta precisión para usuarios vulnerables e vehículos”, explicaron fontes do CTAG. O proxecto 5GCAR ten o reto de constituír a máis robusta rede para o coche conectado e conta co acompañamento de importantes empresas do sector para logralo, como Orange, Nokia, Volvo e Huawei, ademais de Ericsson, que lidera a iniciativa.

“A tecnoloxía 4G é o presente, pero non o futuro. O futuro agora mesmo pasa por 5G, unha tecnoloxía na que traballan diferentes membros da industria e que dará lugar a un negocio de máis de 1200 millóns de dólares en menos dunha década”, estima Ericsson.

Sen mans

Para a automoción galega, estar no ensaio dos primeiros vehículos conectados 5G supón avanzar nunha liña de investigación e negocio na que o sector leva xa moito terreo gañado.

O CTAG é un auténtico laboratorio de ideas e patentes que achegan tecnoloxía punta á industria do automóbil en diferentes áreas, aínda que un dos seus fortes é a electrónica e os sistemas intelixentes de transporte. Nel estase a desenvolver o coche autónomo, impulsado por PSA, coa data do 2020 no obxectivo para iniciar a súa introdución gradual no mercado. O proxecto nacido e desenvolvido en Vigo suma xa máis de 125.000 quilómetros de rodaxe polas estradas europeas, sen accidentes nin maiores incidencias.

(Fonte: La Voz de Galicia)