A automoción galega pisa o acelerador da innovación

Catro edicións, 45 novas empresas, máis de 250 postos de traballo e unha facturación de 33 millóns de euros ao peche do 2019 son o sólido aval da quinta convocatoria de Business Factory Auto (BFAuto), un programa que naceu en 2016 promovido pola Xunta, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, o grupo PSA e Ceaga e que ten como obxectivo impulsar a aceleración e consolidación de proxectos especializados no sector da automoción para que acaben frutificando en empresas innovadoras e que contribúan a cubrir os ocos na cadea de valor e fortalecer o sector industrial en Galicia.

A iniciativa está enmarcada na rede de aceleradoras que xestiona a Xunta, StartIN Galicia. Os participantes na mesma poderán desenvolver a súa idea, específica no ámbito da automoción, no marco dunha aceleradora consolidada e apoiada polo sector da automoción en Galicia.

A participación neste viveiro de innovación achega aos proxectos unha serie de vantaxes, como apoio financeiro, de até 375.000 euros por proxecto, así como o acceso a un espazo de traballo, asesoramento e formación, unha rede de contactos e a incorporación ao sector da automoción galego, liderado por Ceaga e coa participación de PSA e o resto das compañías da industria auxiliar e de compoñentes.

Temáticas de interese

Para esta quinta convocatoria definíronse como temáticas de especial interese diferentes tecnoloxías relacionadas coa transformación dixital, así que os proxectos que se centren nestas temáticas terán prioridade á hora de acceder á aceleradora de BFAuto. Entre as escollidas para esta nova edición están as solucións de sensorización, de robotización pick and place low cost, de automatización na detección de defectos e a implantación de sistemas automatizados para o movemento de materiais.

Esta edición tamén pon o foco na integración dos sistemas de información, as solucións de realidade aumentada, virtual ou mixta, os sistemas de identificación e localización e monitorización de embalaxes para interiores e exteriores, o desenvolvemento de estruturas de apoio, por exemplo exoesqueletos. Así mesmo, outras das temáticas de especial interese teñen que ver coa sustentabilidade, como o uso das TIC para a mellora da eficiencia enerxética, propostas para a tecnoloxía de baterías de estado sólido orientadas ao vehículo eléctrico e solucións de intelixencia artificial dirixidas os coches autónomos.

Se o balance de BFAuto permite falar da creación de 45 firmas e de máis de 250 postos de traballo ao peche do 2019, as previsións para este ano non quedan atrás e estiman que se chegará aos 357 empregos creados e unha facturación duns 70 millóns de euros.

Cifras récord en 2019

O sector da automoción de Galicia pechou o ano pasado con cifras récord exportación, segundo os datos de Ceaga e supón xa o 28 % do total de exportacións de Galicia. A facturación o ano pasado alcanzou os 9.700 millóns de euros, que equivale ao 15 % do PIB de Galicia, nun sector que emprega de forma directa a máis de 24.400 persoas, o 14 % do emprego industrial de Galicia. Ademais, as empresas de compoñentes investiron 250 millóns en adaptar as súas capacidades á industria 4.0.F

Fonte: La Voz de Galicia