A automoción galega alcanza os mellores resultados da súa historia en plena pandemia

Antes da pandemia estaba previsto que o 2020 fose un ano de marca para a automoción galega, porque ese exercicio culminaba o plan de lanzamentos de Stellantis Vigo (aínda Grupo PSA). Co Peugeot 2008 e a gama de vehículos comerciais das marcas Peugeot, Citroën, Opel e Toyota saíndo a un ritmo de máis de 2000 unidades ao día, a multinacional e a súa rede de máis de 100 provedores de compoñentes implantados en Galicia e norte de Portugal tiñan marcado o obxectivo de rozar os 600.000 coches fabricados no 2020.

Pero chegou a  Covid-19. As fábricas e os concesionarios paráronse durante máis dun mes e o mercado mundial veu abaixo. A automoción galega viuse obrigada a levantar o pé do acelerador en todo o que restou de 2020, pero aínda así, e grazas ao éxito comercial dos modelos de Stellantis (o Peugeot 2008 foi o coche máis vendido en España o pasado mes de febreiro), a automoción galega pechou o exercicio cunha facturación inédita nos seus case 60 anos de actividade: 10.400 millóns de euros, un 7,3% máis que o ano anterior. Este é o balance presentado polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga).

Durante o pasado ano, as empresas do sector non só aumentaron a súa facturación, tamén rexistraron un aumento do 2,5% no emprego, alcanzando os 24.980 traballadores directos. A planta do grupo Stellantis en Vigo achegou no 2020 máis do 22% do total de produción de vehículos en España, por diante de factorías como a de Martorell (Seat-grupo Volkswagen) ou a de Stellantis en Zaragoza.

Como máis do 90% da produción galega destínase ao mercado internacional, as exportacións do sector han ir ben. Tanto que o automóbil galego supuxo o ano pasado case o 35% das vendas totais ao exterior da comunidade autónoma e unha cifra global de facturación fóra de España de 7265 millóns.

Nun contexto de crise de mercado fortemente condicionado pola pandemia, o sector apostou por non arriscar en materia de investimentos, e iso tradúcese no balance de Ceaga nunha redución significativa dese capítulo de investimentos, que reflectiu un descenso do 45% con respecto ao ano anterior, pasando de 250 millóns a 137.

O Clúster de Empresas de Automoción de Galicia destacou o «bo funcionamento» e «a resiliencia» do sector galego pese ao contexto de crise mundial desencadeado pola pandemia. Respecto ao presente exercicio, as empresas amósanse cautas sobre o que está por vir, ao apuntar que «o futuro segue expondo grande incerteza». Respecto diso, lembra o Ceaga que o sector lidera o proxecto Auto Áncora, que aspira a obter fondos de recuperación da UE (Next Generation) para mobilizar unha suma de 1300 millóns de euros.

Fonte: La Voz de Galicia