A Aula Newton abre a inscrición para a participación dos centros educativos de outubro a xaneiro

A Aula Newton Galicia, a única que existe en España con carácter permanente, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole-, vai poñer en marcha un novo curso dirixido a  alumnado de 2º da ESO a 2º de Bacharelato e FP de toda a comunidade. É unha aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas; destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. Está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole. Esta proposta enmárcase dentro das actividades de “Tecnópole Divulga”, que busca incentivar as  vocacións científicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras.

Acaban de abrirse os prazos para que os centros educativos galegos se inscriban de xeito gratuíto na primeira quenda -de outubro a finais de xaneiro- desta 4ª edición da Aula Newton a través de https://newtonroom.com/es/localiza-tu-aula-newton/newton-galicia. Estará accesible os xoves e venres, de 10:30 a 13:30 h. Haberá unha segunda quenda de febreiro a xuño. Este curso participarán arredor de 2200 rapaces e rapazas de toda a comunidade.

Materiais didácticos para alumnado con necesidades especiais

Tecnópole continúa co seu compromiso de “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, promovendo oportunidades de aprendizaxe para todos”. Nesta liña, favorécese a integración na Aula Newton de persoas e colectivos que teñen un difícil acceso ás actividades de divulgación. Con este fin elabóranse materiais didácticos específicos para persoas con algún tipo de necesidade especial.

Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo “Voamos con números: unha aventura aérea”. Para iso a Aula Newton dispón de catro simuladores de voo profesionais, que permiten que os rapaces e rapazas gocen desta experiencia, converténdose en pilotos por un día.

O alumnado debe responder a unha hipotética misión de rescate localizada en Galicia, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, situado na Estrada, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, os participantes poranse á fronte dos simuladores de voo avanzados, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.

Unha nova proposta, máis avanzada, para o alumnado de cursos superiores

Nesta edición a Aula Newton contará cunha nova proposta para o alumnado de cursos superiores -segundo ciclo da ESO, Bacharelato e ciclos formativos- e para centros que xa teñan participado. Trátase dunha versión avanzada do módulo “Voamos con números: unha aventura aérea”, na que a rapazada  terá que realizar cálculos máis complexos que implicarán desde a selección da aeronave e a elección dun aeródromo compatible coa súa distancia de despegue ata o cálculo do combustible necesario ou a creación dun plan de voo a partir dunhas coordenadas iniciais e finais. Deste xeito, ofrécese aos centros educativos unha actividade complementaria, permitindo que o alumnado que xa asistiu a esta experiencia se enfronte a un novo reto e, por outro lado, que os mozos e mozas de cursos superiores poidan aplicar coñecementos máis avanzados.