A complexidade e a multiculturalidade caracterizan o ámbito no que se moven os novos directivos que pretenden competir nos mercados europeos e internacionais. Esta foi unha das ideas principais que a experta Piar Blanco, directora de Expotrends, compartiu cos empresarios que asistiron ao primeiro almorzo tecnolóxico da tempada en Tecnópole.
Este evento enmárcase no programa de actuacións de Tecnópole para promover a internacionalización do tecido empresarial galego a través da súa participación como entidade de referencia de Galactea Plus, o nodo da European Enterprise Network (EEN) no noroeste peninsular.
Sobre os primeiros pasos no mercado exterior, Blanco destacou a conveniencia de non o facer nunca en solitario, senón buscando os socios axeitados, e ter claro cal é a vantaxe competitiva que permitirá un posicionamento sólido.
A experta en internacionalización explicou que, “ademais dos coñecementos técnicos, a formación humana é imprescindible para o éxito nos novos mercados”. Neste sentido, subliñou que ningunha estratexia de internacionalización pode estar completa sen coñecer os fundamentos da negociación e a comunicación no contexto global, no que, ademais das habilidades negociadoras, xogan un papel clave o coñecemento do protocolo e os aspectos culturais.
“Unha negociación exitosa significa conseguir o que queremos sen ofender á outra parte”, destacou Blanco. “Negociar non é unha actividade excepcional ou un conxunto de destrezas. É un reto constante que se mellora practicándoo, analizándoo e revisándoo de forma continua. Cada negociación é diferente, pero os elementos básicos sempre son os mesmos”.
Importancia dos contratos
No ámbito da negociación, Blanco trasladou aos asistentes algúns consellos, como a importancia de saber escoitar, tomar notas e pedir confirmación sobre o que se lle está a entender ao noso interlocutor, sobre todo se se comunica noutro idioma. Ademais, recomendou poñer por escrito o tratado na reunión e compartilo coa outra parte para estar seguros de que todo quedou claro antes de proceder a formalizar un contrato.
Segundo a experta, no contexto da compravenda internacional resulta fundamental aproximarse e afondar nos criterios para interpretar e elaborar os contratos internacionais.
“Un contrato internacional ben realizado pode eliminar moitos problemas posteriores”, sinalou, xa que nel se recollen as obrigas concretas do distribuidor ou do axente comercial.
(Fonte: Tecnópole)