A Asociación Española de Parques Tecnolóxicos e a patronal das TIC colaborarán en proxectos internacionais

A Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) e a Asociación de empresas de Electrónica, Tecnoloxías da Información, Telecomunicacións e Servicios e Contidos Dixitais (AMETIC) subscribiron un convenio de colaboración para articular proxectos de I+D+i europeos, xerar coñecemento e apoiar a internacionalización.

O acordo ten como base o feito de que o sector TIC europeo, en xeral, e o español en particular encóntranse en proceso de transformación en plena revolución dixital global. O sector precisa unha proposta de valor que agrupe a todas as empresas e profesionais arredor dunha única visión apoiada na innovación, na xeración de coñecemento e na translación deste aos mercados globais. Tanto AMETIC como APTE entenden que poden contribuír a ese proceso.

Apoio ás “Smart Cities”

Dentro do capítulo de promoción da participación en proxectos de I+D+i europeos, un dos obxectivos concretos pasa por fomentar a colaboración entre os parques científicos e tecnolóxicos e as cidades para apoiar o fenómeno das “Smart Cities”. AMETIC conta para isto cunha comisión de traballo con máis de 90 empresas inscritas e preside o Comité de Smart Cities da CEOE, así como a Alianza Inercia. Por outra parte, AMETIC dispón dunha oficina de proxectos europeos, coñecida como AproTECH2020, para a promoción da participación das entidades TIC españolas, con especial atención á PEME, en proxectos de I+D+i europeos e a súa xestión.

Formación

A xeración de coñecemento e a formación é outro dos obxectivos comúns a ambas asociacións. Neste sentido, o acordo subscrito pretende explorar a posibilidade de desenvolver un programa de formación conxunto APTE-AMETIC dirixido ás empresas TIC dos parques, tras a realización previa dun estudo das necesidades empresariais reais en materia de formación.

Apoio á internacionalización

Como queira que ambas entidades teñen relacións con organismos e iniciativas como ICEX e Invest Spain e que a internacionalización é un obxectivo estratéxico común, considérase que a capacidade de innovar no deseño de programas concretos para a internacionalización de empresas TIC, terá máis probabilidades se se fai de forma conxunta. Para o cal se propón organizar distintas actividades relacionadas coa internacionalización como poden ser misións empresariais de empresas TIC (directas ou inversas), foros de investimento e cooperación internacional, xornadas formativas sobre cuestións relacionadas cun determinado mercado, etc.

Segundo explicou Felipe Romera, presidente de APTE: “O principal sector dos parques científicos e tecnolóxicos membros de APTE é o TIC, o cal representa ao 22% das entidades que están actualmente situadas neles, alcanzando a cifra de 1420 entidades. Dada a importancia deste sector nas empresas dos parques consideramos importante a posibilidade de desenvolver liñas de cooperación con AMETIC, polo que este convenio facilitará o cumprimento dos nosos obxectivos en materia de apoio ao desenvolvemento, cooperación e internacionalización empresarial nos nosos parques, obxectivos nos que ambas asociacións coincidimos”.

(Fonte: APTE)