A área sanitaria de Ourense abrirá despois do verán unha convocatoria de ideas para o seu living lab que será dinamizado por Tecnópole

O laboratorio vivente ou living lab da área sanitaria de Ourense abrirá despois do verán un proceso de recollida de ideas susceptibles de ser incorporadas á práctica asistencial e comercializadas, segundo explicaron os responsables de innovación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) durante o último almorzo tecnolóxico. O director de Tecnópole, Ricardo Capilla, sinalou a vontade do parque de actuar como enlace das empresas co living lab e dinamizar esta convocatoria.

O xerente do CHUO, Julio García Comesaña, explicou que o feito de que Galicia, e en particular Ourense, sexa un contorno marcado polo envellecemento poboacional representa unha ameaza en moitos aspectos, pero ha de ser contemplado como unha oportunidade para posicionarnos como un foco de innovación a nivel internacional.

O 30% dos habitantes da provincia de Ourense ten máis de 65 anos, o que representa unha poboación moi elevada de pacientes pluripatolóxicos complexos que necesitan monitorización para minimizar os episodios agudos. Moi relacionado con isto, na área sanitaria de Ourense o 30% dos ingresos hospitalarios entran por urxencias, mentres que no resto de Galicia a media ascende ao 15%, o que demanda ferramentas novas que permitan unha intervención máis precoz, é dicir, que permitan un maior control dos pacientes nas súas casas ou no seu contorno máis próximo para reducir o número de hospitalizacións.

Neste contexto, García Comesaña animou ás empresas galegas a formular “calquera solución que pensedes que pode achegar valor, tendo en conta que nós contamos co contorno real no que poder adaptala e probala”. Pola súa parte, Ricardo Capilla puxo Tecnópole a disposición do proceso para actuar como nexo de unión coas empresas, identificando e dinamizando propostas que poidan incorporarse ao living lab.

Da robótica á monitorización remota

A directora de Procesos con Ingresos da Área de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, María Concepción Alonso, explicou que o living lab liderado polo CHUO é un ecosistema de innovación aberta centrado nun enfoque de co creación sistemático, co fin último de aumentar a calidade de vida dos pacientes. A súa prioridade é integrar universidades, centros de investigación, empresas e Sergas para colaborar en solucións baseadas na innovación e a transferencia de coñecemento enfocadas á atención integral, as infraestruturas, a calidade asistencial e a xestión eficiente dos recursos.

Todas as propostas tanto de novos produtos tecnolóxicos como de formas novidosas de organizar os servizos ao paciente teñen cabida no proceso que se abrirá no segundo semestre do ano. Unha vez recollidas, as ideas someteranse a un proceso de selección, desenvolvemento e testado co fin último de implantalas na práctica asistencial e comercializalas.

A monitorización remota de pacientes, o control de satisfacción, a robótica, os novos materiais ou a impresión 3D son ámbitos que xa se están a explorar, segundo explicou Alonso.

Os resultados obtidos serán compartidos no marco das redes de living labs a nivel europeo, o que abre esta ventá de oportunidade das empresas galegas ao ámbito internacional. A colaboración de Tecnópole na iniciativa enmárcase no seu programa de actuacións para promover a internacionalización do tecido empresarial galego a través da súa participación como entidade de referencia de Galactea Plus, o nodo da European Enterprise Network (EEN) no noroeste peninsular.

(Fonte: Tecnópole e CHUO)