A aplicación da directiva europea sobre copyright podería ameazar a centenares de startups

Estímase que entre setecentas e novecentas das empresas emerxentes que son plataformas de contido xerado por usuarios se verán afectadas pola proposta de directiva europea de copyright, segundo a Asociación Española de Startups.

A nova directiva europea de copyright pretende fixar novas obrigas de filtrado de contido ao converter ás plataformas que actúan como intermediarios en responsables e autores do contido que publican os seus usuarios, segundo informou a Asociación Española de Startups. O ecosistema español emprendedor comprende entre 3000 e 4000 startups entre as que 720 e 960 son plataformas de contido xerado por usuarios.

Esta asociación, en colaboración coa Universidade de Alcalá (UAH), elaborou un informe para medir o impacto económico das startups que actúan como plataformas de contido xerado por usuarios. Se a directiva remata aprobándose nos devanditos termos tería un indubidable impacto económico e sobre o emprego.

Isto aseguran, afectaría especialmente ao ecosistema de startups de ámbito dixital e ás pemes de base tecnolóxica. O estudo estima que, ademais dos empregos directos, se poderían ver afectados entre 34.400 e 46.000 empregos indirectos que se crean noutros sectores económicos grazas á existencia desas plataformas.

Descoñecemento xeneralizado

A Asociación Española de Startups considera que esta proposta supón “unha nova barreira á hora de crear startups e plataformas, a perda de moitas oportunidades de desenvolver produtos e servizos innovadores e en xeral un aumento da incerteza”.

A asociación di comprobar que existe un descoñecemento xeneralizado entre as startups e as plataformas sobre as implicacións da aplicación da directiva. De feito, “tan só o 42% di coñecer a existencia da proposta e os que a coñecen manifestan de xeito maioritario descoñecer o fondo e as posibles consecuencias”.

Segundo sinala a Asociación, esta proposta foi denunciada por decenas de institucións académicas e de consumidores e por 57 asociacións de dereitos en Europa polo seu impacto en “dereitos fundamentais, diminución de contidos culturais e unha limitación na difusión destes”.

(Fonte: 20 minutos)