O Consorcio Aeronáutico Galego (CAG) dá por superada definitivamente a crise da pandemia e nos seus plans non está que a difícil conxuntura actual marcada pola invasión de Rusia a Ucraína e o elevado custo das materias primas lle inflúa demasiado. Faltan aínda os datos definitivos, pero na súa asemblea xeral a alianza confirmou que o pasado 2022 pechouse coa facturación e o emprego á alza, despois de alcanzar o exercicio anterior unha cifra de negocio xa superior aos 90 millóns de euros.
“Galicia é a única comunidade que deu un salto de xigante en materia aeronáutica nos últimos anos, unha industria na que cada vez temos máis que dicir, grazas ao esforzo do CAG, en colaboración coa Xunta, e ao gran traballo realizado polas nosas empresas”, valorou o seu presidente, Enrique Mallón.
A industria aeronáutica emprega a máis de 1.250 persoas de forma directa e suma outros 250 postos indirectos “cun crecemento sostido nos últimos anos”, apuntou Mallón, que liga o éxito do sector á innovación e a tecnoloxía, “o seu selo de calidade”. Ademais dos custos -o enerxético, “absolutamente desorbitado”- e os problemas para atopar candidatos de alta cualificación, o sector aposta por seguir expandíndose, apoiado polo efecto tractor de grandes compañías vencelladas á Civil UAVs Initiative do polo de Rozas como Airbus.
“O feito de que unha empresa punteira a nivel mundial estea a desenvolver en Galicia tecnoloxías absolutamente estratéxicas non é algo circunstancial”, sinalou Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (Gain). “Teñen interese, non só en desenvolver sistemas non tripulados en Galicia -engadiu-, senón que tamén convidaron ás nosas empresas a incorporarse noutras actuacións e proxectos a nivel global”.
O Observatorio da Industria Aeroespecial impulsado pola Xunta sacará este mesmo ano varios estudos que “serán claves na identificación de novas oportunidades no segmento dos sistemas non tripulados”.
Fonte: Faro de Vigo