O sector aeronáutico galego innovará e traballará por abrir novos mercados que lle permitan sortear o impacto económico da crise sanitaria do coronavirus, pero iso non abondará sen unha intervención decidida das administracións públicas. Esta é a conclusión á que chegou a xunta directiva do Consorcio Aeronáutico Galego (CAG) tras unha reunión que mantivo por videoconferencia coas súas empresas asociadas para analizar as consecuencias que a pandemia terá no sector durante os vindeiros meses.
“Teremos que facer un esforzo por innovar e por abrir novos mercados como o dos vehículos non tripulados, os helicópteros ou a aviación militar para compensar a caída do tráfico aéreo civil, pero será tamén necesaria unha folla de ruta clara por parte das administracións e máis medidas laborais e financiamento”, sinalou a CAG.
O sector prevé caídas importantes de facturación e emprego dado o peche de fronteiras e as restricións á mobilidade.
Fonte: Faro de Vigo