A adega Don Bernardino, integrada en “Galicia Avanza”, logra situar un dos seus viños entre os cinco mellores de España e 50 do mundo

A adega Don Bernardino é unha das 30 pemes seleccionadas no programa de internacionalización “Galicia Avanza”, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole -encargado da súa xestión e coordinación-.

Esta adega familiar, situada no concello lucense de Sober, conta cunha traxectoria de máis de 30 anos. Está especializada na elaboración de viños tintos e brancos de finca baixo a subzona Amandi, dentro da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Vén de lograr un importante recoñecemento no maior concurso de viños do mundo, os Decanter World Wine Awards.

Os Decanter World Wine Awards son os premios máis relevantes e influentes neste campo. O xurado, que realiza un rigoroso proceso de avaliación mediante unha cata a cegas, reúne aos 250 expertos máis prestixiosos do ámbito internacional. Nesta 22ª edición, que se acaba de celebrar en Londres, o xurado estivo integrado por 72 Masters of Wine e 22 Master Sommeliers -a maior cantidade deste tipo de expertos na historia do concurso-, xunto a recoñecidos críticos, xornalistas, catadores galardoados e compradores de viño. Avaliaron un total de 21.244 viños, procedentes de 57 países.

Un viño do que só se producen 1.000 botellas

Don Bernardino obtivo o premio Best in Show para o seu viño La Capona, 100% Mencía, o que o sitúa entre os 50 mellores viños do mundo e entre os cinco mellores no ámbito nacional. “É un novo proxecto no que vimos traballando desde hai uns anos, nunha finca que só produce 1.000 botellas” -indica o CEO da empresa, Diego Rodríguez-.

Ademais, neste certame internacional Don Bernardino conseguiu situar tres fincas de Amandi por riba dos 90 puntos. Os membros do xurado destacaron o extraordinario esforzo que hai detrás destes viños, sinalando: “Calquera que teña visto fotografías dos viñedos de granito extraordinariamente escarpados da Ribeira Sacra abrirá esta botella con reverencia: é probable que se teña elaborado con máis suor, esforzo e músculo que calquera outro viño da nosa selección Best in Show”.

Tal como manifesta Diego Rodríguez, “Amandi é o máis parecido no mundo á Borgoña, debido á gran diversidade de pequenos viñedos, solos e orientacións. Se a isto lle sumamos as pendentes do 80%, convértese na `Borgoña heroica´”. Destaca que “para Don Bernardino é o premio a moitos anos de traballo, co obxectivo de situar os viños de Amandi no pódium dos mellores viños do mundo”. O seu pai, Emilio Rodríguez, comezou hai 13 anos a elaborar o primeiro viño de finca na Ribeira Sacra, o que supuxo un antes e un despois para a adega familiar.