A actividade no polígono de San Cibrao limítase a tan só o 22 % das empresas

O último balance presentado pola Consellería de Industria apunta a que na provincia de Ourense continúa o goteo de ERTE presentados e de traballadores afectados. Así, no último reconto apúntase a que un total de 3.445 empresas ourensás tiveron que recorrer a esta medida, o que supón que haxa 13.568 traballadores nesta situación temporal de estar sen traballo por mor da crise económica provocada polo COVID-19. Iso si, os últimos datos apuntan a unha ralentización dos ERTE con respecto aos datos achegados durante a semana anterior. 

Hai outras empresas que de momento sortean este tipo de medidas laborais, a pesar de que co novo decreto do goberno tiveron que cesar a súa actividade. Unha delas é Coasa, situada no Parque Tecnolóxico de Galicia, e que fabrica compoñentes para avións. Conta, segundo os últimos datos oficiais, cun persoal de 360 persoas e pechou o ano 2018 cunhas vendas de 46,4 millóns de euros. A empresa comunicou ao persoal que estaría en vacacións retribuidas recuperables, tendo en conta que non se trata dunha actividade esencial. Nas últimas semanas xa reducira considerablemente a súa produción, para o que aplicou xornadas de flexibilidade a parte do seu persoal. 

No caso da fábrica GRI Towers, situada no polígono industrial da Uceira (O Carballiño), o cesamento da actividade deixou sen labor a 400 traballadores. Unha situación, a de figurar como unha actividade non esencial, que resolveu a problemática existente na empresa, que entre outras medidas tivo que crear tres quendas de traballo para poder establecer as medidas que fixou o goberno para a protección contra o posible contacto do coronavirus nas contornas laborables. A firma GRI Towers céntrase na elaboración de pezas para os aeroxeradores. A chapa que chega ás instalacións da empresa no parque empresarial carballiñés transfórmase nos grandes cilindros metálicos que despois se ensambla no monte para crear os aeroxeradores. 

Os polígonos, baixo mínimos 

Tan só o 22 % das empresas situadas no polígono de San Cibrao das Viñas poden continuar coa súa actividade, ao entrar na categoría de esencial. É un baixón considerable co escenario que había nos quince días previos, nos que operaban o 48 % das firmas, segundo datos da asociación. 

Fonte: La Voz de Galicia