A aceleradora galega da automoción lanza a súa segunda convocatoria

Inventar a mobilidade do mañá e ser recoñecida internacionalmente. É o obxectivo que se fixaron os impulsores da aceleradora da automoción -Business Factory Auto-, co clúster Ceaga á cabeza. Con motivo do lanzamento da segunda convocatoria, á que poderán presentarse iniciativas ata o 15 de agosto, o centro de negocios de Zona Franca en Porto do Molle reuniu os protagonistas da iniciativa. A novidade nesta ocasión é que, ademais dunha decena de proxectos de aceleración, seleccionaranse outros dez de consolidación.

O acto serviu tamén para presentar en sociedade as primeiras iniciativas impulsadas pola aceleradora que, como subliñou o conselleiro de Industria, Francisco Conde, “xa están a xerar emprego”. O presidente de Ceaga, Juan Antonio Lloves, pediu á Administración que manteña o apoio durante unha década (ata 370.000 euros de financiamento público por proxecto), xa que do contrario o esforzo non valerá gran cousa”. Finalmente, o director de PSA, Frédéric Puech, que cualificou a Galicia de “polo de excelencia na automoción europea”, sinalou que os emprendedores entenderon o reto porque nunca antes os cambios foran tan vertixinosos no sector. “Nos próximos 10 anos serán maiores que en todo o século anterior”, dixo.

Estas son as nove ideas que remataron convertidas en empresas:

Cablerías. Energy bb. Arquitectura eléctrica. Este proxecto traballa nun avanzado sistema de distribución eléctrica para dar soporte aos coches eléctricos e híbridos de nova xeración que se fabriquen en Galicia.

eccocar. Plataforma de aluguer de vehículos. Os seus impulsores, convencidos de que o futuro pasa por non dispoñer de coche propio idearon un sistema que, a través dunha web, atopa un coche preto que pode abrirse co móbil.

efitransa. Solucións loxística. Implantación dunha xestión integral do proceso de carga e descarga. A principal innovación céntrase no desenvolvemento de camións polivalentes, tanto para o transporte de mercadorías coma de coches mantendo cando non aumentando a capacidade de carga en ambos os dous casos.

Flythings. Internet das cousas. A ferramenta software que desenvolven facilita o salto á Industria 4.0 a través da interconexión en tempo real de máquinas, pezas, sistemas e procesos. O que fai é anticiparse ao tsunami de datos que anestesiará ás empresas que non teñan ferramentas que lles axuden a xestionalos.

g. p. s. Mellora a produtividade de máquinas e procesos. A firma deseñou un sistema de unión de bobinas que permite a cada máquina traballar ata unha hora e media máis ao día de forma efectiva xa que evita as paradas de recarga.

Humat. Robótica colaborativa. O proxecto achega aplicacións industriais 4.0 utilizando tamén outras tecnoloxías como a fabricación aditiva de útiles e poutas para minorar as liñas de produción.

Merasys. Predición de defectos. A innovación que achega é a integración de tecnoloxía de sensórica avanzada para detectar os fallos e reducir as posibles paradas de liña, ademais de evitar traballos non planificados.

Situm. Plataforma de localización en interiores. Sen necesidade de balizas nin de cables o sistema localiza en tempo real carretas e permite saber cales son as zonas máis transitadas da empresa, entre outras aplicacións.

Vms automotive. Moto eléctrica de 3 rodas. A súa principal novidade é o sistema de amortecemento e balanceo, patentado a nivel internacional, que confire estabilidade ao vehículo. Ten dous motores, un en cada roda traseira. Empezará a comercializarse no 2019.

(Fonte: La Voz de Galicia)