A aceleradora do sector aeronáutico impulsada pola Xunta de Galicia lanza en novembro a súa primeira convocatoria

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, presentou a nova aceleradora do sector aeronáutico, un proxecto pioneiro en Galicia, que lanzará no mes de novembro a súa primeira convocatoria.

Conde explicou que a posta en marcha da primeira aceleradora do sector aeronáutico, xunto co desenvolvemento na provincia de Lugo do polo aeroespacial de Rozas, evidencia que se trata dun sector que conta cun gran potencial de crecemento.

Así mesmo, remarcou que dende a iniciativa pública e privada pódese crear un ecosistema de innovación de achega valor engadido aos sectores estratéxicos da industria galega, polo que agradeceu a colaboración de Indra, Babcock, CTAG, Fundación CEL e ás empresas e centros tecnolóxicos que colaboran nesta primeira edición por apoiar á Xunta de Galicia neste proxecto.

Esta iniciativa vai ser a incubadora-aceleradora do sector aeronáutico que prevé o investimento máis cuantioso por proxecto, non só en España, senón en toda Europa. Cada edición constará de varias fases: convocatoria, selección de proxectos, apoio ás empresas seleccionadas nas fases de incubación e aceleración e seguimento do investimento.

Os proxectos seleccionados que cheguen á fase de incubación recibirán unha axuda da Xunta de Galicia de ata 100.000 euros e poderán acceder a un investimento en capital por parte de Indra de entre 50.000 e 500.000 euros. Así mesmo, as empresas que participen na fase de aceleración poderán acceder tamén a financiamento en forma de empréstitos e investimento de capital. A previsión inicial é lanzar tres convocatorias que van mobilizar, como mínimo, 4,75 millóns de euros ata final do ano 2021.

En cada unha das edicións apoiaranse tres proxectos (tres en fase de incubación e tres na de aceleración, agás na terceira convocatoria, na que serán catro as empresas que accedan á fase de aceleración. En total, a aceleradora dará apoio a un total de 19 sinaturas e suporá a creación de 60 empregos directos.

A aceleradora desenvolverase nun primeiro momento no Pazo de Feiras lucense e, posteriormente, instalarase no Centro de Emprendemento programado no antigo Hospital Xeral de Lugo.

Ademais, segundo Conde, nace como unha iniciativa aberta e extensiva a outros sectores relacionados coa alta tecnoloxía ou os centros de coñecemento, xa que porá a disposición dos emprendedores servizos de acompañamento e asesoramento, espazos de traballo gratuítos, medios TIC, consultoría técnica e de negocio, financiamento complementario e acceso á bolsa de emprego da Civil UAVS Initiative para a selección de persoal e formación.

(Fonte: Innovamás)