Trátase da primeira edición do Business Factory Auto (BFA), unha aceleradora de empresas tecnolóxicas de automoción coa que o sector pretende crear un ecosistema innovador e colaborativo que apuntale a súa competitividade e xere novas oportunidades de negocio e mercado. Esta grande incubadora quere “atraer e reter talento”, como expuxo o BFA tras a reunión do seu comité.
Unha das iniciativas elixidas é a da viguesa VMS automotive, spin-out do grupo industrial Marsan Transformaciones Superficiales, que deseñou unha moto eléctrica de tres rodas, que conta con marcha atrás e un novidoso sistema de amortecemento e balanceo patentado. O seu prototipo presentouse xa na World Light Electric Vehicle Summit (LEVS) de Barcelona, celebrada en setembro.
Unha spin-out xorde a raíz da decisión dunha compañía (Marsan, neste caso) de crear unha nova compañía tras seccionar ou apartar unha das súas liñas de negocio. Outras iniciativas emanadas deste proceso e seleccionadas para a Business Factory Auto son CABB 16 (sistema de distribución eléctrica/electrónica ultralixeiro para coches eléctricos) e HUMAT (robótica colaborativa). Efitransa é unha spin-out de varias empresas que propuxo un proxecto de optimización de carga de automoción e compoñentes en medios de transporte policalentes.
Nunha spin-off, pola contra, hai unha matriz que actúa de incubadora de novas empresas. É o caso de Flythings (ferramenta de software facilitadora do “internet das cousas” nas plantas de produción), Situm Factory Indoor (plataforma de localización dentro das factorías) e un sistema preditivo de detención de defectos para procesos industriais a base de sensórica avanzada, HPC e Big Data.
Como startups, por último, o comité do BFA seleccionou tres proxectos. O primeiro é Eccocar (car sharing p2p, para vehículos compartidos). A este súmase outro para o deseño, fabricación e comercialización de equipos de control de estanquidade para compoñentes de automóbiles. O último desenvolverá un sistema de retrofitting e reenxeñería de procesos en empresas do sector. A BFA terá dúas fases diferenciadas, unha de aceleración, que comezará o próximo mes de xaneiro, e outra de consolidación, para que aqueles proxectos que demostrasen a súa solidez poidan dar o salto definitivo ao mercado.
(Fonte: Faro de Vigo)