Estes dez novos negocios abranguen modelos nacidos de novas ideas apoiadas no talento que van dende o desenvolvemento de aplicacións á produción ecolóxica ou ao deseño e fabricación de máquinas de adestramento deportivo.
Entre os novos modelos de negocio para o mundo dixital, un dos proxectos seleccionados trata dunha pulseira intelixente que potencia as relacións sociais e que tamén pode ter un uso profesional (Chameleon Band); unha aplicación de mensaxería instantánea que mellora a atención ao cliente (Citious); unha plataforma que achega seguridade xurídica aos procesos necesarios para a celebración de xuntas de accionistas e consellos de administración por vídeo streaming dende calquera dispositivo fixo ou móbil (Council Box); un desenvolvemento que, logo de pagamento de tarifa plana, permite aos usuarios acceder ao total do catálogo de videoxogos (Sila Games); unha rede social para compartir vídeos de deportes con tracking automático, que inclúe unha app multiplataforma (Sportracking); e outra plataforma orientada a crear hábitos saudables nas empresas, que ofrece ferramentas para mellorar o estado físico e emocional dos traballadores (Vidahora).
Tamén se seleccionou un proxecto que trata da fabricación de embutido vexetal baseándose en cabaza producida en Galicia segundo normas de produción ecolóxica (Embutido Vexetal); outro que desenvolve sistemas de cultivo hidropónicos doados de usar e eficientes enerxeticamente (H2 Hydroponics); a creación dun centro de referencia en moda sustentable “made in Europe”, que achegará ás marcas coñecemento e capacidade produtiva en talleres galegos (Latitude); e unha compañía que deseña máquinas de adestramento deportivo mediante a aplicación da tecnoloxía inercial (MyR Performance).
(Fonte: Innovamás)