Unha aplicación móbil de recoñecemento facial, un sistema para a identificación de públicos ou a explotación da realidade virtual foron algunhas das propostas que se puideron ver na xornada tecnolóxica Demo Day, que organizaron a empresa de telecomunicación R e a axencia autonómica Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica) na Cidade da Cultura.
Eladio Otero, xefe de innovación tecnolóxica de Amtega, explicou que este evento do programa StartupsR DiCo Challenge enmárcase no Plan Dico Mindset da Xunta para promover o sector dos contidos dixitais en Galicia, e matizou que con el se busca “configurar un sector máis potente, maduro e competitivo, que neste momento aglutina ao redor de 900 empresas con preto de 5.400 empregados”.
Pola súa banda, Alberto Díaz Freire, representante de servizos de R e o Grupo Euskaltel, destacou sobre os proxectos que “conseguiron levar adiante o primeiro reto de R, que é desenvolver un plan con vocación de futuro para atopar talento emprendedor en Galicia”.
Entre os proxectos mostrados na presentación atópase Brain Games TV, que segundo o seu supervisor, Antonio Rato, “consistiu en xogos e dinámicas deseñadas por pedagogos que nos permiten xogar co mando da tele para aumentar a nosa axilidade mental”.
Outro dos traballos expostos foi Teatro Go, un servizo de retransmisión en diferido de contidos culturais creado por Jorge Algora, que está integrado na plataforma de R e que permite aos usuarios experimentar con elementos de realidade virtual en 180 graos.
Os dous proxectos restantes son ALICE e Visualización Big Data. O primeiro, desenvolvido por Mikel Díaz, consiste nun sistema para o recoñecemento facial dos clientes de R. Segundo Díaz, esta aplicación permitirá “xestionar calquera operación contractual desde o móbil con rapidez e seguridade, confirmando automaticamente a identificación dos usuarios”. O último traballo, creado por Mario Pérez, é un sistema de machine learning destinado á obtención de información en redes sociais sobre os espectadores de programas de televisión.
(Fonte: La Voz de Galicia)