A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, mantivo esta mañá un encontro coas dez empresas participantes na segunda edición da aceleradora Agrobiotech Innovación e cos titores do programa. O obxectivo desta xuntanza era dar a benvida ás entidades participantes, coñecer os seus proxectos e favorecer o coñecemento e o networking entre elas con motivo do inicio das actividades transversais do programa.
Esta iniciativa, que conta coa colaboración do Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, foi posta en marcha en 2015 pola Axencia Galega de Innovación co obxectivo de incrementar o nivel de excelencia de pemes innovadoras galegas que amosan potencial de crecemento e que están centradas en sectores priorizados pola Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), en concreto: biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa.
Na primeira edición da aceleradora de innovación participaron 11 pemes galegas. A maioría delas experimentaron un importante crecemento reflectido xeralmente nun incremento da súa facturación e creación de emprego. De feito, produciuse un incremento medio da facturación dos participantes dun 4% e creáronse máis de 70 postos de traballo.
Ademais, os participantes acadaron un maior grao de internacionalización, representado nalgúns casos por un marcado aumento das súas exportacións ou polo establecemento de acordos comerciais e accións de promoción no exterior. Algúns socios conseguiron importantes avances no ámbito do liderado de produto, mentres que outros deron os seus primeiros pasos no programa europeo Horizon2020 ou lograron importantes acordos e colaboracións, tanto a nivel nacional como internacional. Colocaron 60 novos produtos no mercado europeo, e 50 no mercado global.
Nesta segunda edición resolta en xuño de 2017 participan dez pemes innovadoras das catro provincias galegas. A súa distribución por sectores é: cinco do sector agroalimentario (Glecex, Fiablone, Queixería Prestes, Xenotechs e Veigas de Sabugueiro) catro do sector biotecnolóxico (Allgenetics, Qubiotech, Biostatech e Indrops Laboratorio); e unha do sector biomasa (Biomasa Forestal).
Glecex, ubicada na Tecnópole elabora formulacións a partir de extractos naturais para cosmética e superalimentos; Fiablone, con sede en Porto do Molle (Nigrán, Pontevedra) produce agroalimentos vexetarianos como chourizos de cabaza; Queixería Prestes, procedente de Vilalba (Lugo) é unha empresa familiar dedicada á elaboración de queixos con denominación de orixe e outros queixos con leite 100% galego; Xenotechs, radicada en Lugo, é un laboratorio de ensaios de seguridade alimentaria e Veigas de Sabugueiro, procedente de Vilar de Santos (Ourense) cultiva, transforma e comercializa produtos agroalimentarios baseados en sabugueiro.
Pola súa banda, Allgenetics, con sede no campus coruñés de Elviña, é unha empresa de xenómica que ofrece ás compañías do sector agroalimentario e de ecotoxicoloxía servizos de identificación xenética de especies e material biolóxico; Qubiotech, tamén da Coruña, dedícase ao desenvolvemento e comercialización de software cloud para a análise de imaxe médica para apoiar o diagnóstico clínico; Biostatech ofrece asesoramento estatístico avanzado e Indrops Laboratorio fai análises ambientais e desenvolvemento de sensores de medición da calidade de augas. Ambas empresas son de Santiago de Compostela. Por último, Biomasa Forestal, con sede nas Pontes (A Coruña) dedícase á elaboración de pellets.
O programa ofrece un plan de traballo á medida das necesidades das pemes seleccionadas en catro ámbitos: excelencia operativa e innovación aberta; financiamento de proxectos europeos H2020; liderado de produto; e comercialización e internacionalización.
Ademais das actividades realizadas no itinerario principal, o programa ofrece actividades de capacitación complementarias e eventos especializados. Entre os eventos programados, destaca a próxima celebración do II Encontro Agrobiotech Innovación, un congreso multisectorial que se celebrará en Tecnópole (Ourense) os vindeiros 26 e 27 de outubro, así como a VII edición da Lonxa de investidores no ámbito de Ciencias da Vida organizada por BIOGA (Clúster tecnolóxico empresarial das Ciencias da Vida), co obxetivo de facilitar o acceso á captación de financiamento, que se celebrará en Lugo o vindeiro 25 de outubro.