5 factores que impiden innovar na empresa

Un dos obxectivos principais de calquera empresa é diferenciarse da competencia. Para iso, é necesario investigar continuamente a forma de innovar nos produtos ou servizos que se fabrican ou se prestan.

Para adaptarse aos cambios nos mercados, as empresas realizan continuamente estudos de forma que poidan reinventarse e vivir ese cambio de forma produtiva.

Pero hai diversos factores que impiden innovar no seo das empresas, sobre todo se se trata de pemes, entre os que destacaremos os cinco seguintes:

1. – Medo ao cambio.

A idea de que “se o que fago funciona, para que o vou cambiar”, está moi arraigada en moitas empresas e impide levar a cabo estratexias de innovación, que aínda que poidan supoñer un cambio profundo na filosofía da empresa, pode tamén levar consigo unha diferenciación respecto á competencia que nos permita ter maior éxito no futuro.

Polo tanto, é necesario impedir que o medo ao cambio se apodere das empresas, posto que impide a adaptación a un mundo que está en continuo cambio.

2. – Traballadores pouco cualificados.

En moitas ocasións os traballadores dunha empresa non teñen as competencias necesarias para facer fronte a un proceso de innovación.

De feito, a selección de persoal é unha das facetas máis complicadas de calquera empresa, xunto á xestión dos traballadores no seo da empresa. Polo tanto, calquera peme debe prestar unha grande atención aos traballadores que contrata e ter no seu equipo persoas que estean preparadas profesionalmente para os cambios e as innovacións.

3. – Temor a cometer erros.

Cometer erros é parte da vida persoal e profesional de calquera persoa. Innovar supón experimentar e ás veces os experimentos saen ben e outras moi mal. Pero é necesario probar para coñecer e aprender dos erros e para poder evolucionar.

É conveniente desenvolver certa tolerancia ao risco e a cometer erros, para poder adaptarnos a unha realidade en continuo cambio.

4. – Non escoitar os clientes, provedores, colaboradores etc.

Un dos erros máis comúns das empresas é non escoitar as opinións e as queixas dos clientes, provedores e colaboradores.

Actualmente, co uso das redes sociais a atención ao cliente é moito máis sinxela e próxima, pero ademais as redes sociais poden ser un instrumento moi valioso para coñecer as opinións dos nosos clientes e provedores e telas en conta para mellorar cada día.

5. – Relacionar innovación con ingresos rápidos.

Investir en innovación non significa que vaiamos obter un ingreso rápido. A innovación é un risco e pode supoñer uns ingresos pero hai que pasar por un período de adaptación da empresa que quizais mesmo supoña unha redución da produtividade. Pero trátase dunha circunstancia que é necesario asumir para ter éxito ou que aprender.

(Fonte: infocif)