O Informe de medidas en materia de ciberseguridade lideradas pola Xunta de Galicia fai referencia a actuacións en marcha ou que comezarán a aplicarse en 2022 e que suman investimentos de preto de 18 millóns de euros. O informe enmarca as actuacións da Xunta en materia de ciberseguridade nun decálogo de medidas de tres tipos: as infraestruturas e operacións, a estratexia de colaboración público-privada, e a formación e concienciación.
Polo que se refire ás infraestruturas e operacións, a Xunta iniciará a construción do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia (CECIGA), que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 3,5 millóns de euros. O CECIGA ten como obxectivo desenvolver a ciberseguridade como motor de transformación económica e social.
Outra das medidas é o acordo marco que oferta servizos de seguridade a todos os departamentos das administracións autonómica e local e outras entidades públicas. Este instrumento permite investimentos estimados en 8,2 millóns de euros.
No relativo á estratexia de colaboración público-privada, esta abrangue (entre outras medidas) un impulso firme ao nodo Ciber.gal (que a Xunta lidera dende a súa creación en 2020, aglutinando a preto de 40 entidades que unen forzas e recursos a prol da ciberseguridade). Ademais, AMTEGA mantén convenios de colaboración coas dúas entidades públicas encargadas de velar pola ciberseguridade en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN) e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE).
Na actualidade, a Xunta traballa na definición da nova Estratexia Galega de Ciberseguridade 2022-2027, que se presentará este ano e que reforzará as liñas actuais de traballo. No capítulo de formación e concienciación, o Goberno galego desenvolve o Servizo de definición e implantación dunha estratexia de ciberseguridade nas empresas galegas a través do programa Reacciona. Amais, porase en marcha unha campaña para concienciar á cidadanía galega sobre a importancia da ciberseguridade e para mellorar as capacidades no uso da tecnoloxía dixital. O investimento previsto é de ao redor de medio millón de euros.
Fonte: Código Cero